viernes, 10 de abril de 2015

Nota de prensa: Recepción no concello de Boiro

O alumnado do  IES Praia Barraña participante no certame Euroscola 2015 vén de ser  recibido no concello de Boiro onde estivo realizando parte da súa inciativa para este proxecto. Nesta ocasión o concurso -organizado pola Oficina de Información do Parlamento Europeo- está dedicado ao Ano Europeo do Desenvolvemento 2015

O traballo realizado no concello consistiu na gravación dun vídeo onde o alumnado simulaba encontrarse nunha sesión do europarlamento debatendo  sobre os temas de actualidade centrados nos obxectivos do milenio dos que cabe destacar os seguintes:  loitar para erradicar a pobreza, mellorar a saúde, garantir un desenvolvemento sostible do planeta e traballar a prol da igualdade entre xéneros.

Centrados no lema do concurso- "O noso mundo, a nosa dignidade, o noso futuro"-  o alumnado levou a cabo a iniciativa para dar a coñecer os programas europeos de cooperación ao desenvolvemento e ás estratexias europeas de loita contra a pobreza dentro e fóra da UE.  As diferentes actividades  organizadas polo alumnado de 1º Bacharelato trataron de fomentar un sentimento de responsabilidade e de participación cidadá de cara á contribución  para a  realización de proxectos solidarios e a sensibilización polo coidado do noso medio ambiente.
Dita iniciativa foi titulada "Por un futuro máis xusto e sostible". Toda a información recabada, as entrevistas que se  realizaron e o proxecto final que se levou a cabo atópase no seguinte blog: desenvolvementoboiro.blogspot.com.

Neste proxecto o alumnado fai uso de todos os seus coñecementos en Tecnoloxías da Información e a Comunicación- TICs (programas de edición de fotos, vídeos e presentacións) para a elaboración de todo do o material e a publicación nese blog. Este proxecto tamén serve para fomentar a interdisciplinaridade e a colaboración entre diversos departamentos.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario