domingo, 12 de abril de 2015

Informe final: "Por un futuro máis xusto e sostible"

Dende o IES Praia Barraña de Boiro levamos a cabo unha serie de actividades englobadas baixo o lema “Por un futuro máis xusto e sostible”. Centrados no Ano Europeo do desenvolvemento 2015 deseñamos diferentes actividades cas cales tratamos de fomentar un sentimento de responsabilidade e de participación cidadá de cara á contribución  para a realización de proxectos solidarios e a sensibilización polo coidado do noso medio ambiente.
Tamén traballamos co obxectivo de dar a coñecer os programas europeos de cooperación ao desenvolvemento e ás estratexias europeas de loita contra a pobreza dentro e fóra da UE.

A iniciativa “Por un futuro máis xusto e sostible” estivo encamiñada a traballar dende distintas perspectivas algúns dos principais obxectivos do milenio:

    1) Loitar para erradicar a pobreza (proxecto solidario: torneo de bádminton).
O primeiro punto que tratamos, foi a recadación de fondos para así poder doalos a Cruz Vermella. Para a obtención de estes, convocouse un Torneo de Bádminton no instituto, no que podía participar quen quixera tendo en conta a achega de 2€ por persoa. Cumprindo así co obxectivo de concienciar a poboación para colaborar en obras solidarias. Todo o recadado foi doado a ONG Cruz Vermella de Boiro. (Ver fotos do torneo). Tamén se fixo un estudo das ONGs (Ver vídeo).

     2)  Traballar a prol da igualdade entre xéneros (Día da muller traballadora).
Comezamos ca elaboración dunhas pancartas a favor da igualdade entre xéneros, reivindicando o Día da muller traballadora que se celebrou o  pasado 8 de marzo.
O mesmo día saíuse as rúas para facer entrevistas a persoas de diferentes idades e xéneros preguntando se sabían a que se debía o Día da muller traballadora entre outras preguntas.(Ver fotos)

     3) Garantir un desenvolvemento sostible do planeta.
Visitamos a depuradora de augas residuais de Cabo da Cruz, nesta visita informáronnos de todo o proceso de tratamento da auga de Boiro. Puidemos observar a chegada das augas residuais sucias e a súa saída da depuradora xa limpa tras o proceso de tratamento. (Ver vídeo).

     4) Desenvolvemento global.
Pedimos cita no concello de Boiro onde nos recibiu o Sr. Alcalde e nos deixou empregar unha das súas salas de reunión para podermos levar a cabo unha asemblea parlamentaria.
O traballo realizado no concello consistiu na gravación dun vídeo onde nós, os alumnos de 1º Bacharelato, simulabamos encontrarnos nunha sesión do europarlamento  onde os diferentes países asinan os seus compromisos para acadar os obxectivos do milenio. Tamén debatemos e avaliamos como se están a desenvolver estes obxectivos. (Ver vídeo final).

Neste proxecto fixemos uso de todos os nosos coñecementos en Tecnoloxías da Información e a Comunicación- TICs (programas de edición de fotos, vídeos e presentacións) para a elaboración de todo do o material e a publicación neste blog. Este proxecto tamén serviu para fomentar a interdisciplinaridade e a colaboración entre diversos departamentos do noso IES, xa que colaboramos co departamento de Educación Física para a realización do torneo de bádminton solidario.

Como conclusión deste traballo dicir que aínda que se avanzou moito aínda debemos seguir avanzando para  loitar por erradicar a pobreza, mellorar a saúde, garantir un desenvolvemento sostible do planeta e traballar a prol da igualdade entre xéneros.

A seguir  traballando por “Un futuro máis xusto e sostible”!!!!!!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario